Thursday 02 de May de 2024

A Xunta inicia o luns traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nas comarcas da Coruña e de Ourense


― Comezarán novas tarefas na vía de altas prestacións VG-1.3, ao paso por Oleiros, Sada e Cambre; e na estrada OU-510, en Ourense

― Proseguirán os traballos na OU-212 ao seu paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; ou na OU-504 no Carballiño, Maside e Leiro

― Continuarán tamén as tarefas na autovía AG-51 en Salvaterra de Miño; ou na PO-504, na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo

― Estas accións da nova encomenda da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade permitirán a roza de máis de 2.600 km lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 m2

A Xunta iniciará o luns traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nas comarcas da Coruña e de Ourense.
A próxima semana desenvolveranse estas novas intervencións na estrada VG-1.3, ao paso polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada; e na OU-510, en Ourense.

Ademais, continúan as actuacións na OU-212 ao seu paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; na OU-504 no Carballiño, Maside e Leiro; e na OU-113, en Verín e Vilar de Barrio.

Tamén seguirán estes traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, nos municipios lucenses de Monforte, Pantón e Saviñao.

Na provincia de Pontevedra proseguirán as obras na PO-551 en Moaña, na AG-51 en Salvaterra de Miño e na estrada PO-504, na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo.

Control da biomasa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.

Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.